O Penedo dos Tres Reinos (ou Fragua dos Tres Reinos) é unha elevación de 1.025 metros de altitude, integrada no sistema montañoso da serra de Marabón, na fronteira entre os tres vellos reinos medievais de Portugal, Castela e Galicia. Existe unha fonte chamada “Os tres Reinos”, que é onde acuden os gandos das tres localidades limítrofes.

           

É un símbolo que permanece vivo na pedra e na memoria, por que a realidade levou a continuar fomentando as relacións humanas e económicas, potenciando hoxe sectores de explotación como o turismo rural, con plans comúns aos pobos da Comarca.

 

 penedo

 

 

O Penedo sitúase na fronteira entre a freguesía de Moimenta, no concello de Vinhais (Portugal), o concello de A Mezquita, na provincia de Ourense (Comunidade Autónoma de Galicia) e o concello de Hermisende, na provincia de Zamora (Comunidade Autónoma de Castela e León).

 

En 1864, co trazado definitivo, realizado pola Comisión de Límites, das fronteiras entre Portugal e España, mantívose a fronteira de séculos nesta rexión. A pesar de que hoxe en día os tres reinos que dan o nome á fraga aludida xa non existan (Portugal tornouse unha república, e a Galicia e León foron integradas no reino de España), a súa vella e secular designación mantívose inalterada.

 

Como corresponde aos dialectos galego-surorientais o vocábulo fraga é un equivalente de penedo, rocha, con correlatos no trasmontano fraga. Fragua semella unha deformación popular.